QUEN SON? QUE FAGO? CARA ONDE VOU?
Son artista plástica e dende esta posición desenvolvo o meu traballo.
O meu primeiro interese estivo nos espazos terapéuticos, nos lugares asépticos, lugares con capacidades sanadoras que teñen un folleto de instrucións. Este prospecto instrúe ao espectador nas calidades e uso dun produto de acceso mental. A modelación nesta dimensión fai que todo sexa posible. Podemos recordar, reconstruír, imaxinar, calquera espazo. Volver sobre os espazos pasados e modificar a nosa experiencia, xerar novas vivencias. Que o espectador pase a ser cliente – paciente que coa miña mediación execute a obra no seu beneficio. A execución desta obra está guiada polas distintas terapias espaciais da Psicohabitación.
Mais a experiencia corpórea é fundamental como estímulo de aprendizaxe. É a vivencia directa a que nos proporciona, ou non, benestar que se transforma en felicidade e nunha vida mellor. Investigar sobre a Percepción espacial e cromática do ser humano é acadar coñecemento en prol desa vida mellor. Dende 2012 veño desenvolvendo esta investigación en diferentes grupos culturais e sociais. A través dun cuestionario obteño información sobre a cor da felicidade, infelicidade, pracer, dor… de diferentes grupos sociais e culturais. Teño traballado coa cultura árabe, mexicana, galega. Grupos de mulleres árabes, xitanas, vítimas de violencia, con cancro xinecolóxico. Estudos con estudantes universitarios. O interese futuro está en ampliar esta investigación con novos grupos. O seguinte obxectivo é estudar a percepción do enfermo mental e das persoas con depresión.
Con estas intencións de investigación o espectador – cliente – paciente pasa a formar parte da obra, e é axente activo da súa creación. Como mediadora en psicohabitación traballo co cliente os seus espazos pasados, presentes, futuros, ideais. Resolvendo calquera conflito derivado dos lugares habitados. O proceso consiste na aplicación de terapias que podedes ver na parte dedicada á psicohabitación.
Busco o contacto clínico no espectador.